O xurado de adultos, composto polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o presidente e o director xeral de PuntoGal, Manuel González González e Darío Janeiro; a académica Chus Pato e a xornalista Alba Tomé, decidiu conceder o primeiro galardón á historia titulada “Non te gastes”. A autora é a ourensá Paloma de Toro, profesora de inglés de profesión. Luca Chao Pérez, investigadora en ciencias sociais e profesora en prácticas de Historia, fíxose co segundo premio con “Aves de paso”, un relato de 113 palabras; e María Cabaleiro Alfaya, bióloga residente en Salceda de Caselas e investigadora predoutoral no campo da micoloxía, gañou o terceiro premio cunha historia de 198 palabras titulada “Sara”.
O xurado declarou ademais finalistas “Insomnio”, un relato de só 30 palabras asinado por Marta Isabel Villar Rodríguez (Malpica, 1973), xornalista de profesión; e “Euloxio”, de 200 palabras, co que concorreu Iria Ramos Mesía (Valdoviño, 2000), estudante de Xornalismo.
Trinta e catro palabras foron dabondo para que Álex Gallego Couñago (2010), alumno do CEIP Manuel Padín Truiteiro de Arcade, se fixese co primeiro premio da categoría infantil do IV Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal. A súa historia, titulada “Saíndo do túnel”, foi a mellor valorada entre os máis de 300 contos presentados por nenos e nenas de ata 11 anos. Na categoría xuvenil, a gañadora do primeiro premio é a ourensá Alba Guzmán Falcón (Ourense, 2003), estudante do IES Eduardo Blanco Amor, cuxo relato de 200 palabras, “Bolboreta”, competiu con outros 477.
O xurado de infantil e xuvenil, composto pola escritora e membro correspondente da Real Academia Helena Villar Janeiro, polo tradutor e tamén académico correspondente Xavier Senín, a secretaria e a membro do equipo de PuntoGal, Edita de Lorenzo e Cristina Ríos, e mais o xornalista Lois Alcayde, decidiron conceder os segundos premios a Niara Cabreirizo Collazo (Moaña, 2013), alumna de 2º de primaria do CEIP de Seara, participante na modalidade infantil cun conto de 33 palabras titulado “Unha mala noite”; e Nayara Alonso Barredo (Vigo, 2004), estudante de 1º de bacharelato do IES Álvaro Cunqueiro, galardoada por “Ela”, de 181 palabras.
O terceiro premio de infantil é para Carmen Mendaña Vázquez (Santiago de Compostela, 2011), estudante do CEIP das Fontiñas, polo relato “Papá”, de 185 palabras; e na categoría xuvenil recaeu sobre “A choiva”, unha historia de 130 palabras escrita por Lucía Álvarez Puga (Vigo, 2004), alumna tamén do IES Álvaro Cunqueiro.
O xurado declarou ademais dous finalistas por cada categoría. Na modalidade infantil, “A batalla perdida”, de Andrés de Miguel Caballero (Vigo, 2010), estudante do Colexio Montecastelo; e “Collo a túa man e saímos correndo” de Martiño Yáñez Rodríguez (Brión, 2010), alumno de 5º de primaria do CEIP de Pedrouzos. Na categoría xuvenil, os relatos finalistas son “No sorriso do avó”, de Anxo Vázquez Novo, estudante de bacharelato no Colexio Salesianos (A Coruña, 2004); e “Mente asoballada”, de Laura Freire (Aranga, 2004), alumna tamén de bacharelato no IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz.